Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Robín Trigas inaugura este xoves a mostra “Después de que nos hayamos ido” en Tui

19/11/2024

O pintor, afincado en Tui, presentará a súa obra na Sala Municipal até o 11 de xaneiro

Este xoves, 21 de novembro, ás 19.30 h terá lugar a inauguración da exposición “Después de que nos hayamos ido” de Robín Trigas na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez.  A mostra poderá visitarse até o 11 de xaneiro de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h. 

Robín Trigas, natural de Ourense, vive na actualidade en Tui. Os seus primeiros recordos son pintar e debuxar, e viaxar por un mundo creativo. Marino mercante de profesión descubriu outros lugares e outras persoas durante doce anos, até que decidiu dedicarse plenamente á arte. Para iso trasladouse a Londres, tras un breve paso por Madrid, onde se formou na  prestixiosa Heatherley School of Art e na Chelsea School of Art. Tras ano na capital británica, onde formou a súa familia. Sempre que puido seguiu pintando. Volveu a España, para asentarse inicialmente en Vigo e dende hai anos en Tui. 

Na exposición que dende este xoves vai presenter en Tui “Después de que nos hayamos ido” reflexiona a través da pintura sobre “a nosa presenza no planeta terra, a nosa relación con el e o efecto que podería ter nas nosas vidas o reconciliar a nosa condición de humanos coa nosa condición de terrícolas”.

Recolle Roberto (Robín) Trigás as palabras do xornalista norteamericano Alan Wiseman no seu libro “The world wothout us” que “Sen nós, a terra seguirá e perdurará… sen ela, nos porén, non poderiamos tan sequera existir”.  

A  concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, indica que esta exposición mostra unha escolma da produción de Robín Trigás na que salienta a súa relación coa paisaxe que aborda con técnicas propias como son a encaustica (unha técnica milenaria caracterizada polo uso da cera como aglutinante dos pigmentos, a mestura ten efectos moi cubrintes e é densa e cremosa, a pintura aplícase cun pincel ou cunha espátula quente) e a técnica nihonga (que significa técnica xaponesa e esta baseada no uso  como medio de cola animal, mesturada con pigmentos).