Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Historia

Vista panorámica

Tui tivo ao longo da historia un papel destacado que foi deixando a súa pegada na configuración e fisionomía da cidade, e foi marcando o carácter deste municipio. As súas condicións naturais e a súa situación á beira do río Miño lle conferiron unha posición estratéxica.

Os achados máis antigos atopados na cidade falan xa de asentamentos no paleolítico inferior. Así o testemuñan os restos descubertos durante a construción da autovía A55, sendo naquel momento os máis antigos de Galicia. A estes súmanse outras pezas atopadas nas terrazas fluviais do río Miño e do Louro coma a machada da Carrasqueira, en Paramos, datada o neolítico, ou os monumentos megalíticos de Anta, en Areas.  No Museo Diocesano consérvase o casco de bronce ou as machadas de Caldelas, froito da introdución da metalurxia. Outras testemuñas son os gravados rupestres de Randufe.

No municipio existiron diversos poboados castrexos entre os séculos VIII a.C. e I d.C. principalmente en Cabeza de Francos en Pazos de Reis, na Guía en Randufe ou no que hoxe en día é o casco urbano.  Amais hai constancia da existencia no cumio do Monte Aloia – parque natural dende 1978 – de cinco castros simetricamente dispostos ao redor da cima, onde amais está a muralla tardorromana cunha extensión de 3 quilómetros, trátase da muralla máis longa de Galicia, construída ao longo de distintas épocas coma demostran os materiais e técnicas empregadas. En canto a súa función comprendería un uso relixioso nos seus primeiros tempos e logo defensivo coas invasións altomedievais. 

A romanización

A poboación trasladouse dende o castros até as terras baixas próximas ao Miño durante o período de paz marcado polo inicio da romanización coa chegada en 137 a.c. de Décimo Xuño Bruto e as súas tropas.  Está documentado en fontes clásicas a existencia de Castellum Tude, e unha lenda apunta a fundación da cidade por parte heroe grego Diomedes, fillo do heroe Tideo.  A cidade era unha das mansións da vía XIX do itinerario de Antonino, e formaba parte da vía romana que ía de Braga (Portugal) até Astorga pasando por Lugo coma testemuña un miliario que se conserva en Pontevedra. 

As necrópoles de Santa Eufemia en Rebordáns ou as construcións atopadas no Paseo da Corredoira forman parte desta época.

Dende o século VI Tui foi sede episcopal, capital do reino de Rekiamundo, e o rei visigodo Witiza tivo a súa Corte na cidade. En Pazos de Reis tiña a súa residencia real, a onde eran enviados os novos príncipes dende Toledo, na última etapa do reino visigodo, para mantelos afastados das intrigas palaciegas.

No inicio do século VIII Tui ficaría desurbanizada tras a invasión islámica. Foi retomada en 739 por Alfonso I e reorganizada en 860 por polos condes  Alfonso Betote e HermenegildoGutiérrez, ao servizo de Ordoño I.  En 915 Ordoño II restauraría a presenza episcopal en Tui.

Época Medieval

A cidade foi saqueada en varias ocasións polos viquingos o  que provocaría a ausencia de bispos na sede episcopal durante varias décadas. O rei García de Galicia restauraría a sede episcopal arredor do ano 1067 e a infanta Urraca dotaría á sede de Santa María no ano 1070 dunhas importantes propiedades que permitirían o comezo do proxecto catedralicio. Os novos bispos asentaríanse na protocatedral de San Bartolomeu de Rebordáns, edificio románico do século XI.

Tui recuperaría o esplendor ao se converter nos séculos XII e XIII nun centro urbano relixioso, económico e cultural na rexión miñota, tanto a través dos seus portos (os primeiros documentados na Baixa Idade Media en Galicia) como das vías de comunicación que desde a cidade partían a todo o noroeste con especial atención ao camiño xacobeo.

Coa consolidación do reino de Portugal, no século XII, o Miño pasou a ser fronteira política, o que marcou dende aquel momento á cidade nas súas relacións económicas, sociais e culturais cunha e outra beira do Miño.

Fernando II de León ordenaría a construción dunha nova muralla no ano 1170. A nova fortificación e os foros outorgados polo rei á poboación reflectía a intensa dinámica urbana de Tui, e a necesidade de dotar a esta dun recinto máis amplo a súa protección.

Arredor do núcleo fortificado, hoxe aínda conservado en boa parte, ubicaríanse diferentes arrabaldes como o de Freanxo, Riomuíños, Corredoira, San Xoán de Porto (logo de San Domingos) ou San Bartolomeu. A importancia dos seus portos marítimo-fluviais, a instalación e especialización de diversos gremios nas rúas ou a consolidación dunha sinalada comuna xudía na cidade co seu cemiterio, sinagoga e carnicería, mostrarían que Tui mantiña un gran peso na súa rexión.A igrexa tudense recibe importante doazóns por parte de monarcas, tanto casteláns coma portugueses. A cidade  experimenta un importante desenvolvemento socioeconómico e cultural.  No ano 1225 é consagrada a Catedral de Santa María, construída a partires do proxecto románico do século XI e finalizado cunha importante intervención gótica da que salienta a portada occidental, a primeira do seu estilo na Península Ibérica. O claustro catedralicio sería realizado ao longo do século XIII en estilo gótico cisterciense. Outro exemplo do gótico na cidade sería o convento de San Domingos, construído entre os séculos XIV e XV.

A época moderna

A partir do século XVI o cambio social que se produce na cidade reflectirase nas súas vivendas blasonadas. Un grande número de familias xudeo-conversas se asentarán en Tui favorecendo a reactivación económica da cidade e o seu territorio.

En 1623 a cidade de Tui recibiu o título de Moi Nobre e Moi Leal, ao que no ano 1885 se engadiu o de Excelentísimo Concello.

As murallas medievais foron ampliadas e adaptadas os novos sistemas defensivos abaluartados a partires de 1640 con motivo das guerras con Portugal. Ata 1833 Tui foi unha das sete capitais do Reino de Galicia e na cidade celebráronse as Xuntas do Reino de Galicia en 1664. No século XVII viría a reestruturarse a cidade sendo un bo exemplo a construción dos conventos das Clarisas e de San Antonio. No século XVIII as dúas obras máis importantes corresponden ao Hospital de Pobres e Peregrinos e á Capela de San Telmo.

Representantes municipais acoden anualmente no mes de xuño á Catedral de Lugo para participar, coma unha das capitais do antigo Reino de Galicia, na ofrenda de Corpus.

Ao longo do século XIX Tui ve transformarse a vella cidade histórica establecendo paseos arborados (1832), teatros (1844), kioskos de música (1897), novos espazos educativos como o Seminario (1850) ou administrativos como o Cárcere do Partido Xudicial (1857) para consolidar á cidade histórica que hoxe aínda contemplamos.

O 25 de marzo de 1886 tería lugar a inauguración da Ponte Internacional entre Tui e Valença que comunicou os dous países, España e Portugal, tanto con paso para peón, coma para tránsito rodado e ferrocarril.

O 24 de xuño de 1891 o Teatro Principal acollería os primeiros XogosFlorais de Galicia, que foron o primeiro acto público  celebrado integramente en galego.

O 28 de novembro de 1922 en Sobredo, Guillarei, tivo lugar un levantamento antiforal no que perderon a vida Cándida Rodríguez González, Joaquín Estévez Besada e Venancio González Romero, tras manifestarse contra os foros nun acto no que se deron cita máis de 2 mil persoas. Opuxéronse ao embargo de bens a un veciño que non pagara o foro.  A manifestación foi disolta a tiros, e amais do falecemento destas tres persoas, outras resultaron tamén feridas. Cada último domingo de novembro estes Mártires de Sobredo, son lembrados nun acto que organiza o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo.

Outro fenómeno transcendente durante os séculos XIX e XX é a emigración cara a América primeiro e a Europa despois.

Durante a Guerra Civil Española Tui foi a última cidade de Galicia en manter a fidelidade á II Républica. A resistencia republicana organizou a última contenda na "Volta dá Moura",  resistencia polo que houbo unha represión feroz.

Dende 1967 o conxunto histórico de Tui conta coa declaración de Ben de Interese Cultural, sinalando así os valores históricos, artísticos e paisaxísticos da cidade. 

Cómpre destacar tamén a importancia deportiva da cidade coa presenza ao longo das últimas décadas de varios dos seus deportistas presentes en Xogos Olímpicos, principalmente en piragüismo, remo e atletismo. O tudense Enrique Míguez Gómez foi en Los Ángeles 1984 o primeiro – e único polo momento – en lograr unha medalla olímpica, fíxoo no c2 500 metros xunto a Narciso Suárez.

A creación en 2012 da Eurocidade Tui-Valença supuxo un importantísimo paso nas relacións transfronteirizas e na formalización das históricas vinculacións entre as dúas ribeiras do Miño.