Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Bandullo Azul presenta mañá xoves na Biblioteca Municipal “Filipa cos contos”

16/10/2024

Este contacontos forma parte da programación de “Outubro: mes da biblioteca”

Mañá xoves, 17 de setembro, ás 17.30 h na Biblioteca municipal tudense terá lugar unha nova sesión de contacontos a cargo de “Bandullo Azul” co seu espectáculo “Filipa cos contos”. Esta actividade forma parte do programa de “Outubro: mes da biblioteca” que achega diversas actividades de animación á lectura ao longo deste mes.

Trátase dunha sesión “filipante” de contos para toda a familia. Historias tradicionais, música e  humor repártense entre os dous contadores que se suben a escena: o actor Fran Campos e a súa amiga Filipa, un monicreque que manexa o propio actor, quen lle dará un valor engadido ás historias de carácter tradicional: a súa experiencia. Contos “filipantes”, contos cantados e acompañados dunha guitarra. Fran Campos e Filipa, os dous, e cada un ó seu xeito farán posible unha sesión para todos os públicos. Os participantes poderán desfrutar, aprender, reflexionar…  dende as súas distintas visións dos contos populares.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, con esta oferta de actividades de “Outubro, mes da biblioteca” preténdese promover o coñecemento deste servizo municipal que é a Biblioteca Pública como unha ferramenta que garante o acceso á cultura e a información de forma libre e gratuíta para todos os cidadáns, ao tempo que realiza esta aproximación dun xeito lúdico e divertido coa programación de contacontos deste mes de outubro.
A próxima sesión deste programa será o xoves 24 de outubro, coincidindo coa celebración do “Día da Biblioteca” en que se contará co espectáculo “Burromaquia” con Fantoches Baj. Estas actividades contan forman parte do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.