Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui colabora na campaña de doazón de rexistros sonoros en galego co proxecto Nós

17/10/2024

Será o próximo xoves, 24 de outubro, na aula CEMIT onde se recollerá as voces da cidadanía para rexistrar recoller as variedades fonéticas e dialectais do Baixo Miño

O Concello de Tui colabora na campaña de doazón de voz realizada polo proxecto Nós que ten por obxectivo rexistrar as voces da cidadanía para recoller as variedades fonéticas e dialectais do Baixo Miño para que a lingua galega estea tamén presente nas novas tecnoloxías. A campaña chegará a Tui o próximo xoves, 24 de outubro.

O Proxecto Nós é un proxecto impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia que busca que todo tipo de dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a lingua galega e que calquera galego ou galega poida empregar con total normalidade a súa lingua, por exemplo, cando lle dá unha orde ao GPS do coche, cando fala cun asistente de voz - como SIRI ou ALEXA - , cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando lle quere ditar ao seu procesador de texto, cando pide unha cita no médico ou quere facer unha xestión no banco.

Este proxecto pretende que a lingua galega non fique excluída dos novos desenvolvementos dixitais e converter a Galicia en vangarda na elaboración de produtos baseados en Tecnoloxías da Linguaxe. A través do Proxecto Nós, estase a conseguir un amplo banco de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que se publicarán en formato dixital baixo licenzas libres así como o desenvolvemento de ferramentas en código aberto que poidan ser empregadas, libre e gratuitamente, por institucións e empresas para desenvolver produtos finais totalmente compatíbeis coa interacción en lingua galega, tanto de forma oral como escrita. É dicir, cando o proxecto estea rematado, calquera institución ou empresa, poderá acceder de balde a ferramentas como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos que poderán empregar no desenvolvemento dos seus propios produtos.

 

Para conseguilo é preciso facerse previamente cunha grande cantidade de texto e audio en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. Para iso, o Proxecto Nós está a empregar dúas vías fundamentalmente: unha a través de captación de voces en liña a través da súa web  e outra trasladándose fisicamente a diferentes concellos galegos para recoller a voz da veciñanza que desexe colaborar co proxecto.

Agora esta campaña de recollida de voz chega a Tui. Por iso precísanse persoas voluntarias que desexen participar ofrecendo a súa voz mediante a lectura de diversos textos propostos pola organización ao longo de diversas quendas o vindeiro xoves 24 de outubro na Aula Cemit de Tui (Edificio “Francisco Sánchez”- Antiga Área Panorámica, con entrada pola porta nº 4). Precísanse polo menos 5 persoas en cada quenda que falen arredor de quince minutos por cada tramo de media hora. Mocidade, adultos, pais e nais, maiores... todos teñen cabida neste proxecto colaborativo, co obxectivo de recoller as variedades fonéticas e dialectais de Tui e a comarca do Baixo Miño.

As persoas interesadas poden inscribirse no formulario dispoñible en tui.gal, ou presenciamente na  Biblioteca Municipal ou na Radio Municipal de Tui.  Deberán elixir o tramo horario no que acudir.

Tramos horarios (a escoller).

10:00h. – 10:30h | 10:30h. – 11:00h. | 10:00h. – 11:30h. | 11:30h. – 12:00h. | 12:00h. – 12:30h. | 12:30h. – 13:00h. | 13:00h. – 13:30h. | 13:30h. – 14:00h.

……..

16:00h.- 16:30h. | 16:30h. – 17:00h. | 17:00h. – 17:30h. | 17:30h. – 18:00h. | 18:00h. – 18:30h. | 18:30h. – 19:00h. | 19:00h. – 19:30h. | 19:30h. – 20:00h.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, explica que a finalidade desta campaña é “crear un rexistro o máis variado posible”, e para iso é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais, para o que compre recoller mostras de voz de xeito presencial coas persoas voluntarias que se inscriban nesta campaña. As súas voces nunca serán públicadas senón que serven para que os programas tecnolóxicos poidan recoller e trasladar fielmente as expresións de calquera usuario.

Formulario  inscrición