Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal dedica o Día das Escritoras a Emilia Rosende

14/10/2024

Será este mércores, ás 19.30 h cunha mesa redonda entorno a súa figura

A Biblioteca Pública Municipal tudense,  na súa programación deste mes de outubro, celebra o “Día das escritoras” este mércores 16 de outubro ás 19.30 h. Será cun acto en torno á figura da poeta tudense Emilia Rosende que contará coa presenza da propia autora.

O “Día das escritoras” é unha iniciativa, que este ano celebra a súa novena edición,  impulsada pola Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mujeres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (Asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura), que ten como obxectivo visibilizar a obra literaria das mulleres, tantas veces oculta e descoñecida. O lema deste ano é “A periferia da periferia: mulleres que miraron ao mundo rural”. Con esta celebración, preténdese reivindicar o legado literario de mulleres que escribiron ao longo da historia e que tantas veces foron silenciadas e esquecidas, especialmente neste ano nos ámbitos afastado dos centros de poder.  

A temática deste ano encaixa perfectamente, en palabras da concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade tudense, Sonsoles Vicente Solla,  coa personalidade, traxectoria e dedicación literaria de Emilia Rosende que, criada no ámbito rural tudense e cun carácter autodidacta, dende 1991 ten publicado seis libros de poemas e tres de contos infantís, así como outra publicación dedicada ao seu barrio de Riomuíños. Pero esta dedicación literaria tamén se expresou no seu papel de animadora da “Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño” que promoveu o “Festival da Poesía do Baixo Miño” que percorreu diversos lugares unindo paisaxes e versos. Foi tamén a promotora de “Poesía na escola” unha fermosa iniciativa que promovía a creación poética entre os alumnos dos centros escolares do Baixo Miño e que rematou no ano 2018. Emilia Rosende tamén destacou por ser unha animadora do movemento asociativo, tanto da “Asociación de Usuarios e Amas de Casa” tudense como da asociación veciñal de Riomuíños e impulsora da festa das lavandeira neste barrio tudense.

Resulta por tanto máis que xustificado este pequeno acto de recoñecemento á traxectoria de Emilia Rosende que promove a Biblioteca Municipal para celebrar na nosa cidade o “Día das escritoras” que no pasado ano rescatou a figura de María Gloria Pereira “María Tydeska”.

Programación mes da Biblioteca

  • Mércores 16 – Día das escritoras
    • Dedicado a Emilia Rosende. Mesa redonda coa participación da propia autora.
    • Biblioteca Municipal – 19.30 horas
  •  Xoves 17
    • Espectáculo “Filipa cos contos” con Bandullo Azul 
    •  Biblioteca Municipal – 17.30 horas
  • Mércores 23 
    • Encontro dos Clubs de Lectura con Rexina Veiga sobre o seu libro “O teu perfil na miña sombra” – 19.00 h.
  • Xoves 24 – Día da Biblioteca
    • Contacontos “Burromaquia” con Fantoches Baj
    • Biblioteca Municipal: 17.30 horas 
  • Ata 25 de outubro
    • “A exposición secuestrada. Estampa Popular Gallega. Tui – 1968” en Sala Municipal de Exposicións.